Diagnóstico participativo da atención á saúde mental en Galicia

Feafes Galicia Diagnóstico participativo da atención á saúde mental en Galicia Diagnóstico sobre a atención á saúde mental en Galicia O estudo máis amplo realizado desde o movemento asociativo galego En colaboración con FEAFES Galicia, desenvolvemos durante 2025 unha investigación de alcance autonómico sobre a situación da atención á saúde mental. Un total de 522 persoas participaron no estudo, que abarcou as catro provincias galegas e 12 entidades da rede federada. O deseño metodolóxico combinou técnicas cualitativas e cuantitativas. Na primeira fase realizamos 26 entrevistas en profundidade a profesionais do sector (psicoloxía, traballo social, educación social, terapia ocupacional, dirección e coordinación de servizos) e 10 grupos focais con máis de 50 profesionais e familiares coidadores. Na segunda fase aplicamos un cuestionario ad hoc de 32 ítems a persoas usuarias dos servizos, obtendo 445 respostas válidas cunha marxe de erro de ±4,4% e un nivel de confianza do 95%. Para garantir que a investigación recollese tamén a voz das persoas con menor autonomía funcional ou dificultades de acceso á tecnoloxía, deseñamos tres vías de recollida de datos: entrevista telefónica con mostraxe aleatoria (160 casos), cuestionario dixital autoadministrado (88 casos) e cuestionario presencial en papel con apoio técnico dispoñible (197 casos). Esta estratexia multimodal evita os sesgos de exclusión habituais nos estudos sobre poboación vulnerable. A análise estatística realizouse mediante SPSS v.28, aplicando probas de contraste (Chi-cadrado, ANOVA) e análise de correlacións. Os datos cuantitativos foron triangulados coas narrativas cualitativas mediante análise de contido temático con codificación indutiva, o que permite non só cuantificar os fenómenos senón comprender os mecanismos que os explican.
Formación para Programas de Emprego

Varios Concellos, Institucións e Mancomunidades Formación para Programas de Emprego Nos últimos anos colaboramos co Concello de Ferrol e coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol no marco dos Programas Integrados de Emprego, impartindo obradoiros nos que se traballan contidos clave para mellorar a empregabilidade: desde como estruturar un proxecto de negocio ata como afrontar procesos de mobilidade laboral ou reforzar competencias transversais. Enxame participa de forma continuada en programas de emprego nas comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, A Coruña e Betanzos, achegando formación en temas como o emprendemento, a economía social e a mobilidade laboral, adaptando sempre os contidos ás necesidades das persoas participantes. Estas experiencias permiten que cada ano centos de persoas accedan a formación específica que lles axuda a ampliar as súas oportunidades profesionais e a coñecer ferramentas útiles para o seu futuro laboral. → Un compromiso coa mellora da empregabilidade a través da formación no arco ártabro.
Obradoiros de Economía Social 2023–2025

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol Obradoiros de Economía Social 2023–2025 Desde 2023 desenvolvemos cada ano os Obradoiros de Economía Social, unha iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol no marco da Rede Eusumo. Contamos cunha versión adaptada para alumnado de Formación Profesional e outra pensada para persoas con maiores dificultades de inserción laboral, sempre co obxectivo de dar a coñecer o potencial do cooperativismo e doutras fórmulas de economía social como ferramenta para crear emprego de calidade. En cada edición participaron centos de persoas —só en 2023 foron preto de 400 estudantes de oito centros da comarca—, e no total destes anos podemos falar de máis dun milleiro de participantes. Os obradoiros combínanse entre unha parte teórica, onde se explican as fórmulas e axudas dispoñibles, e unha parte práctica na que cada grupo simula a constitución dunha cooperativa. A metodoloxía adáptase á idade e ao nivel de cada grupo. Nos ciclos formativos superiores, por exemplo, a experiencia céntrase no emprendemento e na xestión real dunha cooperativa; nos obradoiros para colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, priorízanse dinámicas participativas, exemplos prácticos e o valor do traballo colectivo como saída laboral. As avaliacións do alumnado son moi positivas, con puntuacións próximas ao máximo. A experiencia demostra que falar de economía social en clave práctica e participativa esperta interese e resulta útil, tanto para quen busca emprender como para quen precisa unha vía real de integración laboral. → Uns obradoiros que sementan coñecemento e abren camiños para entender que outra forma de facer empresa é posible.
Xornada “Os coidados na Economía Social”

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol Xornada “Os coidados na Economía Social” O 11 de outubro de 2024 organizamos no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol a xornada divulgativa “Os coidados na Economía Social”, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Rede Eusumo. O encontro serviu para dar a coñecer experiencias de cooperativas que traballan no sector dos coidados e para achegar ás persoas en formación unha visión práctica das posibilidades que ofrece a economía social. Durante a mañá interviñeron cooperativas galegas como Chanzo a Chanzo, Enraizando, Beldade ou diferentes iniciativas de Casas do Maior, un servizo cada vez máis estendido en Galicia e no que a fórmula da cooperativa de traballo asociado se amosa especialmente acaída. Compartiron o seu día a día e os retos de xestionar servizos centrados nas persoas. Desde Enxame ofrecemos tamén unha intervención técnica sobre o cooperativismo aplicado aos coidados, poñendo en valor o seu potencial para xerar emprego digno e servizos de proximidade. A xornada contou coa presenza institucional do alcalde de Ferrol e da delegada territorial da Xunta, e destacou tamén pola ampla participación de alumnado do CIFP Leixa e dos obradoiros de emprego da comarca, persoas en formación no sector dos coidados que puideron desprazarse ata Ferrol grazas á organización de transporte específico para facilitar a súa asistencia. Foi unha mañá para conectar a teoría coa práctica, cunha aprendizaxe directa e vivida que achegou exemplos reais de como a economía social pode transformar o sector dos coidados en Galicia. → Un encontro para inspirar ás novas xeracións e demostrar que os coidados tamén poden medrar dende a economía social.
Feira de Economía Social Agroalimentaria de Ferrol

Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol Feira de Economía Social Agroalimentaria de Ferrol O 28 de setembro de 2024 organizouse en Ferrol a I Feira de Economía Social Agroalimentaria, un evento impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol no que Enxame estivo ao fronte da organización e coordinación. A Alameda de Suances converteuse durante toda a xornada nun espazo aberto para coñecer de preto cooperativas, confrarías, asociacións e pequenos produtores do sector agroalimentario galego. A feira reuniu a máis de vinte entidades da economía social: cooperativas agroalimentarias como Campo Capela, Labrecos ou Tres Fuciños; Sociedades Laborais como a fábrica de galletas mariñeiras Daveiga S.L.L., confrarías do mar de Ferrol e de Barallobre, asociacións de produtores de mel, viticultores ou iniciativas de transformación alimentaria comunitaria como A Fusquenlla, pertencente á Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. O programa combinou degustacións, charlas e showcookings con actividades infantís. As crianzas puideron facer o seu propio queixo fresco ou elaborar candeas de cera de abellas, mentres os adultos asistían a demostracións de produtos con selo de calidade, catas de mel e queixos, ou a showcookings de mariscos e porco celta a cargo do chef Marcos Cabanas. Houbo tamén espazos de divulgación sobre soberanía alimentaria, circularidade no sector agroalimentario e consumo consciente. O resultado foi unha xornada intensa e participativa, onde se deron a coñecer produtos e proxectos da economía social galega, ao tempo que se transmitiron valores de sostibilidade, proximidade e responsabilidade no consumo. → A Feira de Economía Social Agroalimentaria de Ferrol demostrou que o territorio conta con iniciativas sólidas e creativas, capaces de ofrecer calidade e identidade propia dende a economía social. https://ilatina.es/enxame/wp-content/uploads/2025/08/Feira-Agroalimentaria-Ferrol-1.mp4
Campaña Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras 15M (Concello da Coruña)

Concello da Coruña Campaña “Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras – 15M” O 15 de marzo celébrase en todo o mundo o Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras, recoñecido pola ONU desde 1983. Con motivo desta data, colaboramos coa OMIC do Concello da Coruña para organizar 30 obradoiros dirixidos a alumnado de último ciclo de Infantil e primeiro de Primaria, chegando a máis de 700 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. As sesións deseñáronse á medida destas idades, con actividades curtas, participativas e cheas de exemplos próximos: a seguridade nos xoguetes, a importancia de ter información clara, como recoñecer a publicidade enganosa, o dereito a reclamar ou o valor dun consumo responsable. Para facer a experiencia máis divertida, entregáronse packs con mochilas pintables, cores e antifaces de SuperCé, a mascota creada para o proxecto. As técnicas de Enxame, caracterizadas como superheroínas, guiaron as dinámicas e conseguiron que nenos e nenas participasen con entusiasmo, formulando preguntas e descubrindo que tamén eles teñen dereitos cando consomen. Participaron varios centros educativos da cidade, involucrando a centos de escolares e ás súas familias, que levaron á casa mensaxes claras sobre consumo responsable. Este proxecto converteuse nunha oportunidade para educar desde a infancia en valores de responsabilidade e cidadanía activa, un paso importante para que as futuras xeracións coñezan os seus dereitos e os poidan exercer con confianza. → Un proxecto para aprender xogando, sementando valores de consumo consciente desde pequenos.
Xestión e dinamización do Coworking da Capela (Deputación da Coruña)

Deputación da Coruña Xestión e dinamización do Coworking da Capela Desde 2023 encargámonos da xestión do Coworking da Capela, situado no lugar das Neves, a carón das Fragas do Eume, e integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Trátase dun espazo municipal pensado para apoiar a persoas emprendedoras, autónomas e pequenas empresas nos seus primeiros anos de actividade. O coworking ofrece prazas desde 10 € ao mes, con acceso a internet de alta velocidade, servizos de reprografía, cociña equipada, salas de xuntas, aula de formación e zonas comúns. Ao longo destes anos xa pasaron polo espazo ducias de proxectos, que atoparon aquí tanto recursos materiais como acompañamento técnico. O noso labor vai máis alá da simple xestión das instalacións. Organizamos formacións e obradoiros prácticos, acompañamos de maneira individual a cada persoa usuaria na elaboración do seu plan de empresa ou na busca de subvencións, e realizamos sesións de networking e actividades colectivas que permiten compartir experiencias e crear sinerxías. Este sistema de mentorización combina seguimento individual co apoio en grupo, formacións e eventos profesionais. Este proxecto contribuíu a converter o Coworking da Capela nun punto de referencia para quen quere emprender no rural dende as comarcas do Eume e Ferrolterra, ofrecendo un lugar accesible, con servizos de calidade e un apoio próximo que facilita que as ideas se transformen en iniciativas viables.
A Casa dos Xoguetes (Concello da Coruña)

Concello da Coruña A Casa dos Xoguetes Na edición 2024/25 da Casa dos Xoguetes, impulsada polo Concello da Coruña a través da OMIC, recollemos e xestionamos máis de 8.000 xoguetes. Grazas a esta iniciativa, milleiros de pezas que xa non se usaban atoparon unha nova vida en mans doutras familias. O espazo naceu co obxectivo de previr residuos e promover o consumo responsable, pero tamén se converteu nun lugar para transmitir valores de solidariedade ás nenas e nenos. A dinámica era sinxela: quen doaba xoguetes en bo estado recibía cupóns, que logo podía trocar por outros xoguetes expostos na tenda. Ademais, contabamos cun banco solidario de cupóns, grazas ao cal familias sen doazón previa tamén puideron levar xoguetes para as súas crianzas. Durante todos os venres e sábados do período de apertura organizáronse obradoiros e actividades creativas para nenos e nenas de 4 a 10 anos. Pintar, construír ou inventar xogos foron algunhas das propostas que fixeron da Casa un espazo cheo de movemento e alegría. Hoxe a Casa dos Xoguetes é xa unha cita recoñecida no Nadal coruñés, esperada por moitas familias que saben que aquí non só se intercambian xoguetes, senón tamén experiencias e ilusión. En decembro de 2025 volveremos abrir as portas para seguir enchendo o Nadal de vida e de xogo compartido.