Na provincia da Coruña funciona unha rede de espazos públicos de traballo pensada para as persoas que poñen en marcha un proxecto empresarial, con postos que no caso da Capela parten dos 10 € ao mes e cun acompañamento técnico durante os primeiros meses de actividade.
A Deputación da Coruña impulsa, dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL), a Rede Provincial de Espazos de Traballo, que reúne doce equipamentos, nove deles coworkings e tres obradoiros de transformación agroalimentaria. Os espazos sitúanse na Capela, A Pobra, As Pontes, Ames, Boiro, Brión, Miño, Moeche, Oleiros, Porto do Son, Santiago de Compostela e Vedra, e ofrecen conexión a internet de alta velocidade, zonas de traballo e de reunión, espazos para eventos e unha programación de formacións, encontros e networking. Algúns deles especialízanse en sectores concretos, coma a arquitectura, o agroalimentario, o audiovisual ou a tecnoloxía.
Os espazos da Rede diríxense ás persoas emprendedoras que teñen unha idea de negocio en fase de definición ou de proxecto e ás empresas de nova creación, isto é, as persoas físicas ou xurídicas con menos de dous anos desde a alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou desde a súa constitución.
Cada espazo xestiona o seu propio procedemento de acceso, que adoita tramitarse a través da sede electrónica do concello correspondente. A solicitude acompáñase da documentación xustificativa e dunha memoria que describa a idea ou o proxecto, e antes de presentala convén consultar a dispoñibilidade de postos co propio espazo, a través do formulario de contacto da súa páxina na web da Rede ou por teléfono.
Cada espazo ten as súas propias cotas. No Coworking da Capela, emprazado no lugar das Neves, a carón das Fragas do Eume, cunha sala común de dezaseis postos, tres despachos privados, sala de xuntas e cociña, os prezos están fixados na ordenanza fiscal municipal de 27 de maio de 2025. A modalidade de coworker nómade, cunha asistencia de ata 80 horas por trimestre, custa 10 € ao mes; as entidades en espazo común, a partir de 81 horas trimestrais, pagan 20 €, e as entidades en despacho privado, cun mínimo de 160 horas, 50 €. A cota inclúe a conexión por fibra, a auga, a calefacción, a electricidade, a limpeza e o mantemento, mentres que a reprografía se factura á parte.
A ordenanza recolle tamén bonificacións, con seis meses gratuítos para as entidades de nova creación en fase de preincubación, tres días sen custo para as entidades doutros espazos da Rede, a chamada Coworking Visa, e un desconto do 50 % durante o primeiro ano para as persoas desempregadas de longa duración ou de máis de 50 anos, as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, os colectivos desfavorecidos e as persoas empadroadas na Capela.
Ademais do posto de traballo, os espazos da Rede ofrecen acompañamento e asesoramento especializado. Na Capela, onde Enxame se encarga da xestión e da dinamización desde 2023, o seguimento técnico pode prolongarse ata dezaoito meses por entidade e combina as titorías individuais, nas que se traballa o plan de empresa ou a busca de subvencións, con formacións, obradoiros e sesións de networking.
As persoas interesadas en instalarse no Coworking da Capela poden pedir información no 981 459 201 ou no enderezo acapela.coworking@gmail.com, e a información do resto de espazos da Rede pode consultarse en redecoworking.pel.gal.
698 132 923
Lugar A Tenencia, 9, Caamouco
15623 Ares (A Coruña)
info@enxame.gal