O 28 de setembro de 2024 organizouse en Ferrol a I Feira de Economía Social Agroalimentaria, un evento impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol no que Enxame estivo ao fronte da organización e coordinación. A Alameda de Suances converteuse durante toda a xornada nun espazo aberto para coñecer de preto cooperativas, confrarías, asociacións e pequenos produtores do sector agroalimentario galego.
A feira reuniu a máis de vinte entidades da economía social: cooperativas agroalimentarias como Campo Capela, Labrecos ou Tres Fuciños; Sociedades Laborais como a fábrica de galletas mariñeiras Daveiga S.L.L., confrarías do mar de Ferrol e de Barallobre, asociacións de produtores de mel, viticultores ou iniciativas de transformación alimentaria comunitaria como A Fusquenlla, pertencente á Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.
O programa combinou degustacións, charlas e showcookings con actividades infantís. As crianzas puideron facer o seu propio queixo fresco ou elaborar candeas de cera de abellas, mentres os adultos asistían a demostracións de produtos con selo de calidade, catas de mel e queixos, ou a showcookings de mariscos e porco celta a cargo do chef Marcos Cabanas. Houbo tamén espazos de divulgación sobre soberanía alimentaria, circularidade no sector agroalimentario e consumo consciente.
O resultado foi unha xornada intensa e participativa, onde se deron a coñecer produtos e proxectos da economía social galega, ao tempo que se transmitiron valores de sostibilidade, proximidade e responsabilidade no consumo.
→ A Feira de Economía Social Agroalimentaria de Ferrol demostrou que o territorio conta con iniciativas sólidas e creativas, capaces de ofrecer calidade e identidade propia dende a economía social.
698 132 923
Lugar As Neves, 33, 15613 (A Capela)
Lugar A Tenencia, 9, 15623, Redes (Ares)
info@enxame.gal