Free cookie consent management tool by TermsFeed

Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre

Obradoiros escolares «Os mariscos da nosa ría»

Entre o 27 de maio e o 17 de xuño de 2026, a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre levou a ría de Ferrol ás aulas de sete centros educativos de Fene, Neda, A Capela, Ferrol e Miño. Na campaña «Os mariscos da nosa ría», cofinanciada polo FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte, Enxame encargouse dos contidos, dos materiais e da impartición das 25 sesións, nas que participaron 337 alumnos e alumnas desde Educación Infantil ata 6º de Primaria.

Cada obradoiro, de arredor de cincuenta minutos, partía do que o alumnado xa sabía do mar. Coas cunchas reais de zamburiña, vieira e volandeira nas mans, as nenas e os nenos aprendían a distinguir as especies, asociaban cada arte de marisqueo ao seu hábitat e seguían o camiño do marisco desde a ría ata a mesa, pasando pola lonxa e pola depuradora da confraría.

Os contidos organizáronse en seis bloques, adaptados a tres niveis de idade, que percorren a confraría e o seu século de historia, a ría como ecosistema e o afloramento que a alimenta, as especies, as artes de extracción e a súa regulación, a trazabilidade do produto e, para rematar, as ameazas que afronta a ría e o que pode facer cada persoa para coidala.

Para a campaña elaborouse un material propio formado por tres guías visuais adaptadas a cada nivel, un tríptico «Da ría ao prato» con xogos e fichas das especies, cartelería, un roll-up e un diploma personalizado para cada participante. A inclusión de grupos de Educación Infantil nos centros rurais de Caaveiro, na Capela, e de Bemantes, en Miño, respondeu á petición dos propios centros.

Os obradoiros formaron parte do mesmo proxecto que os tótems «A ría de Ferrol: as mans, as voces e o mar», presentados no peirao de Barallobre en agosto de 2026.

Proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, a través do GALP Golfo Ártabro Norte, e pola Xunta de Galicia.

Algunha dúbida?

Contacta con nós

Chámanos

698 132 923

Visítanos

Lugar A Tenencia, 9, Caamouco
15623 Ares (A Coruña)

Envíanos un correo

info@enxame.gal