No peirao de Barallobre, en Fene, presentáronse o 22 de agosto de 2026, durante a Festa do Marisco, cinco tótems que contan a ría de Ferrol desde dentro, coas mans, as voces e os rostros das persoas que traballan na confraría. Enxame encargouse da execución técnica completa do proxecto para a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre, cofinanciado polo FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte, desde o traballo de campo e as entrevistas ata a fotografía orixinal, os textos, o deseño e a produción.
Cada tótem ten tres caras de 180 × 75 centímetros, con todo o contido en galego e castelán. Unha delas desenvolve o tema, outra fixa un dato da ría cun pequeno glosario e a terceira retrata a unha persoa da confraría coa súa propia voz. O percorrido comeza na ría como medio natural, coas mareas e a auga fría que explican a riqueza do fondo, e segue polo oficio do marisqueo a pé, pola confraría como casa común da xente do mar desde 1923 e pola garantía sanitaria e de orixe do produto, ata rematar nas vías para entrar a traballar no sector.
Sete profesionais da confraría prestaron a súa imaxe e cinco deles tamén a súa voz. Unha mariscadora de a pé reclama que «o noso produto ten que venderse como exclusivo», un mariscador advirte que «esta ameixa estivo tres anos aí abaixo, así que non a comas as présas» e unha peixeira da confraría lembra que «detrás do mostrador tamén se traballa o mar».
Os tótems, autoportantes e aptos para exterior, expuxéronse tamén na Alameda de Suances durante a Feira Agroalimentaria Local e Sostible de Ferrol, en outubro de 2026. O proxecto completouse con 25 obradoiros escolares, «Os mariscos da nosa ría», sobre as artes de pesca e o marisqueo, nos que participaron 337 alumnos e alumnas de sete centros educativos de cinco concellos da comarca.
Proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, a través do GALP Golfo Ártabro Norte, e pola Xunta de Galicia.
698 132 923
Lugar A Tenencia, 9, Caamouco
15623 Ares (A Coruña)
info@enxame.gal