Desde 2023 encargámonos da xestión do Coworking da Capela, situado no lugar das Neves, a carón das Fragas do Eume, e integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña. Trátase dun espazo municipal pensado para apoiar a persoas emprendedoras, autónomas e pequenas empresas nos seus primeiros anos de actividade.
O coworking ofrece prazas desde 10 € ao mes, con acceso a internet de alta velocidade, servizos de reprografía, cociña equipada, salas de xuntas, aula de formación e zonas comúns. Ao longo destes anos xa pasaron polo espazo ducias de proxectos, que atoparon aquí tanto recursos materiais como acompañamento técnico.
O noso labor vai máis alá da simple xestión das instalacións. Organizamos formacións e obradoiros prácticos, acompañamos de maneira individual a cada persoa usuaria na elaboración do seu plan de empresa ou na busca de subvencións, e realizamos sesións de networking e actividades colectivas que permiten compartir experiencias e crear sinerxías. Este sistema de mentorización combina seguimento individual co apoio en grupo, formacións e eventos profesionais.
Este proxecto contribuíu a converter o Coworking da Capela nun punto de referencia para quen quere emprender no rural dende as comarcas do Eume e Ferrolterra, ofrecendo un lugar accesible, con servizos de calidade e un apoio próximo que facilita que as ideas se transformen en iniciativas viables.
698 132 923
Lugar As Neves, 33, 15613 (A Capela)
Lugar A Tenencia, 9, 15623, Redes (Ares)
info@enxame.gal