O 11 de outubro de 2024 organizamos no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol a xornada divulgativa “Os coidados na Economía Social”, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Rede Eusumo. O encontro serviu para dar a coñecer experiencias de cooperativas que traballan no sector dos coidados e para achegar ás persoas en formación unha visión práctica das posibilidades que ofrece a economía social.
Durante a mañá interviñeron cooperativas galegas como Chanzo a Chanzo, Enraizando, Beldade ou diferentes iniciativas de Casas do Maior, un servizo cada vez máis estendido en Galicia e no que a fórmula da cooperativa de traballo asociado se amosa especialmente acaída. Compartiron o seu día a día e os retos de xestionar servizos centrados nas persoas. Desde Enxame ofrecemos tamén unha intervención técnica sobre o cooperativismo aplicado aos coidados, poñendo en valor o seu potencial para xerar emprego digno e servizos de proximidade.
A xornada contou coa presenza institucional do alcalde de Ferrol e da delegada territorial da Xunta, e destacou tamén pola ampla participación de alumnado do CIFP Leixa e dos obradoiros de emprego da comarca, persoas en formación no sector dos coidados que puideron desprazarse ata Ferrol grazas á organización de transporte específico para facilitar a súa asistencia.
Foi unha mañá para conectar a teoría coa práctica, cunha aprendizaxe directa e vivida que achegou exemplos reais de como a economía social pode transformar o sector dos coidados en Galicia.
→ Un encontro para inspirar ás novas xeracións e demostrar que os coidados tamén poden medrar dende a economía social.
698 132 923
Lugar As Neves, 33, 15613 (A Capela)
Lugar A Tenencia, 9, 15623, Redes (Ares)
info@enxame.gal